Temos na boca palabras milenarias
para falarmos de castaños e carballos
de andoriñas e de niños de paxaros
de fontes, de fervenzas de regueiros,
de rías, mares, cabos e areeiros.
Temos na boca palabras milenarias
para falarmos da carqueixa e da chorima
da barba de raposo e da herba das feridas
de xoubas, de arroases, de baleas
de dornas, de gamelas, de sereas.
Temos na boca palabras milenarias
que afiaron coitelos dos cinco continente
se buscaron peixes dos mares máis ferventes
que andaron os camiños co peixe na patela
segaron moito trigo nas terras de Castela
Temos na boca palabras milenarias
que teñen a gala ser lingua proletaria
que deu chegado a culta e empresaria.
Cristo concedeulle dignidade de litúrxica
e os poetas puxéronlle a cor e mais a música
Temos na boca palabras milenarias
rescatounas todas a pluma de Sarmiento
e mais os que dormen na paz de Bonaval
palabras de Rañolas, Merlín, de Migueliño,
Adrián Soutelo, de Galván e de Balbino.
Temos na boca palabras milenarias
elas dannos pobo e prometen un futuro
pero como isto non está seguro
todos os amigos firmámolo convenio
de que a nosa lingua viva outro milenio.
XESÚS FERRO RUIBAL
jueves, 8 de octubre de 2009
Suscribirse a:
Entradas (Atom)